Pensamento Livre

Onironauta

Arquivado en: Faladas, Falas 4 — pakolas @

onironautaA onironauta aprendeu a ser consciente nos soños. Consciente da súa ensoñación. Capaz de distinguila da outra realidade. Esa da cama, da carne, dos ósos, do tempo perdido e do tempo gañado.
Era exactamente espertar durmida no medio do soño pra entender que estaba soñando, e comezar a experimentar con tódolos caprichos da súa mente.
Este outro mundo non tiña limitaciós. Nen físicas nen metafísicas.
A exploradora de sí mesma adoitaba tenta-la cordura mentres durmía, empregando os soños como lámpadas maravillosas que lle permitían converter calquera situación nun pracer pra os sentidos, e volatizar todo o que a incomodaba.
Cada noite era unha aventura nova na que mergullarse tra-los persoaxes dos seus soños que a esperaban pra arroupala cos seus desexos máis íntimos.
Aprendeu a facer isto en pouco tempo, mais lle deu a impresión de coñecelo de sempre.

Posuía dous mundos. O real, limitado por compartido, e o onírico, onde todo era posibel, onde non existían normas nen regulamentos. Un mundo autodictatorial sen os inconvintes morais da denegación de dereitos dos demais seres vivos, inertes ou ideados.
Tralas experiencias, non persistían as culpas nen os rencores. Non había penas nen alegrías. Todo quedaba nun recordo máis ou menos duradeiro dun acontecemento que nunca acontecera.
Pero… ¡qué incríbel sinfín de momentos!
¡Qué sensación de liberverdade!¡Non vivi-la situación, mais inventala!
Tódolos seus soños a enchían de viaxes de calma, calor e carne. De paz e sonrisas. E de frores.

Tódolos persoaxes aparecían e volatizaban á velocidade do seu pensamento, coexistindo na súa realidade inventada perfecta.
Soamente atopou un espazo descoñecido. Imprevisto. Un recuncho que a atraía como nengún. Alí unha cadeira baleira, e unha figura escura, que fumaba a carón dun lume imposibel ideal, pesadamente apoiado na repisa dunha lareira. Reflexivo e ausente.

-¿E tí quén es?
-¡Es tí quen é! Eu non existo…

Botouno do ensoñamento á velocidade do pensamento.
Mais voltou. Cada vez máis a miúdo. Cada vez máis presente. Cada vez máis atraínte.
Aquela sensación de descoñecemento lle resultaba excitante e familiar.

Era como buscar e descubrir novos seres e estares.
Era como no mundo real.

Leave a Reply

Tema deseñado porDL2 Media

Creative Commons License
Este blogue e o seu contido está baixo licenza Creative Commons