Eu, xenio.
Xa sei que este o meu xeito de senti-las cousas non é axeitado, mais de sempre, asustado, me teño axustado ás normas fixas de xente extraña.
E endexamais me serviu.
Existo por seres externos que me fixeron subsistir ate deixar que o fixera por min. E non fuxo das esixencias que nos unen.
Sego a desexa-lo que non coñezo coma un obseso, alimento o seso e desexo o mesmo sexo, non pra enxaulalo mais preservalo.
O éxito é o feliz fin dun axioma. Coma núas xuntas as amantes liveradas, que elixen hoxe pra deixa-lo mundo e adicarse ó outro.
Non deixo de vixiar que non xordan reixas nen verxas de redor, e as derribo a soplidos e en campo aberto abro os brazos e sinto cada verba pra aturuxa-lo teu nome alto e bravo. Calado ate os ósos do oxíxeno que me queima a pel.
Vexo a claridade frouxa e difusa do crepúsculo coma penúltima, e gozo o luxo de cada verba túa coma luz de lúa.
Luz que é arte. Que peta nela e parte de rebote, coma atoparte.
Eu, xenio, baixo o peso da sensación de saber mais por sabio que por pelexo, que se de base teño un x, son fuste que ten e sostén o planeta por capitel.
Pois hoxe vai de alegría e consciencia. Consciente de estar alegre e ir indo e vir vivindo. Alegre por seren consciente de que hoxe, coma outrora alguén me pediu que escribira. Grazas.