c0rr310

Pensamento Livre

En diante RA

Filed under: NORDESÍA: InformáticaReal — pakolas @

 

 

A Realidade Aumentada consiste no emprego de software sobre aparellos tecnolóxicos para “superpoñer” unha “capa virtual” á realidade física, cruzando e combinando información e dados para distintos fins. Incorpora dados e información virtual ó entorno real, e o mostra mesturado.

Un móbil moderno, unha tableta ou un ordenador, poden darnos a información dun xeito máis humanizado, misturando o real co virtual.

As aplicacións deste tipo de software xa son moitas, e poden parecer anecdóticas ou máis ou menos espectaculares, mais eu o vexo como un dos xeitos máis adiantados e centrados do software. Cando empregamos calquera aplicación no ordenador, mantemos unha distancia pequena, mais ben clara entre o que está ocorrendo na nosa máquina, e o que ocorre no mundo real. Esteamos na cociña, ou na rúa. Este tipo de software da un paso máis, e achégase á realidade dende o punto de vista subxectivo do usuario. Ti.

Imaxina observar a imaxe en vivo a través da túa cámara pola rúa, e coloreadas as distintas redes wifi activas na zona. Unha liña superposta na rúa que percorres indicándote o camiño que indicaches. Debuxar sobre calquera paisaxe, incluído o deseño de ambientes, interiores, etc…

Na vertente máis salvaxe e avanzada, aparecen traballos sobre dispositivos de uso permanente, displays virtuais implantados na retina para mellorar a visión, e incontables aplicacións de uso cotiá, que han ir aparecendo en breve, e que acabarán misturándose tanto na nosa vida como todas esas cousas que non nos explicamos hoxe como faciamos antes sen elas.

Basicamente a realidade aumentada é a tecnoloxía que cumpre estas tres simples condicións:

* Combina elementos reais e virtuais.

* É interactiva en tempo real.

* Está rexistrada en 3D.

Por suposto, apareceron moitas iniciativas privadas como as “Project Glass” de G00gle, aplicando a realidade aumentada ás propias famosas gafas. Outros como a “Playroom” da Pl4yst4tion4, fixeron os seus “piniños” neste tema. Moitas empresas adícanse a desenvolver e implementar este software a profesionais diversos, mais de novo aparece o Software libre arrasando en estabilidade, flexibilidade e creatividade, copando a maioría de proxectos relacionados con este software.

O primeiro gran logro foi a creación dunha plataforma de desenvolvemento. ARToolkit. Tranquilidade. Simplemente, en troques de traballar sobre unha aplicación única (isto faise no software comercial por ser o fin último a venda de un “produto”), fixeron unha ferramenta que permite desenvolver aplicacións a todo o mundo. Así ábrese o coñecemento da tecnoloxía de realidade aumentada neste caso á interacción de tódolos programadores e afeccionados que queiran, creando aplicacións, que á súa vez son liberadas para que todos as poidamos disfrutar.

O segundo foi a liberación de ATOMIC Authoring tool. Un paso máis cara ó usuario. Unha interface gráfica (sempre máis asequible e sinxela de manexar) para o propio ARToolkit. Con ela, manexas un programa convencional, sinxelo, que permite a non-programadores crear aplicacións deste tipo. É un xoguete divertidísimo. E non só iso. É tecnoloxía punta. E unha ferramenta xenial para crear novos xeitos de empregar os dispositivos. Por suposto, os dous casos anteriores están baixo licencia GNU-GPL. Son libres.

Pola parte máis mundana, xa hai infinidade de aplicacións que empregan esta tecnoloxía, e nos Andr01d e compañía aparecen centos delas. Algunha é moi útil, outras son moi específicas e nin te decatas que existen. Moitas son chorradas. Pero todas cumpren aquelas tres condicións que as definen.

A parte máis seria da Realidade Aumentada, son as aplicacións en infinidade de novos tipos de interacción, destacando o potencial no eido educativo, en ciruxía, servizos de emerxencia civil e militar, simulación de desprazamento e traxecto terrestre, aéreo e marítimo, ou arquitectura, topoloxía e historia.

E ollo, que eu temía que a chamaran “realidade mellorada”, e diso nada, mais hai que comprender que non é a historia de miles de programiñas máis ou menos úteis. É o avance na historia do software ó servizo do ser humano. E esta xa se achega moito ó entorno real. Vanse eliminado barreiras. Elimínanse ( máis ben, intégranse) “Intermediarios físicos” (que podería ser un rato, un teclado) entre o usuario e as máquinas, e “intermediarios virtuais” (menús, aplicacións). Por suposto, logo ven o cyborg. A persoa circuitintegrada. Que xa non ten intermediarios. Pero iso noutra. Saúde. Pakolas.

Os comentarios están pechados.

Tema deseñado porDL2 Media

Creative Commons License
Este blogue e o seu contido está baixo licenza Creative Commons