c0rr310

Pensamento Livre

A P.I. é un S.C.

Filed under: NORDESÍA: InformáticaReal — pakolas @

 

libro

A Propiedade Intelectual é un Secuestro Cultural. Así se expresou no seu momento P.A. no M.P.

Se atacamos o tema filosoficamente, perden peso as leis que limitan o aceso á cultura ás persoas. Soa a medioevo. E se o abordamos pragmaticamente, somentes temos que pagar un rescate para ter aceso a ela.

A licenza imposta a cada unha das creacións artísticas humanas somete a estas a unha ou outra normativa, e establece como pode ser empregada, por quen, e como. As entidades de xestión de propiedade intelectual, teñen unha maraña administrativa de centos de millóns de obras con licenza “copyrigth”.(O cálculo é meu estimado, pois non todas dan dados sobre os dereitos das obras “xestionadas”). No seu teórico propósito de xestionar os dereitos de propiedade intelectual de todo isto, debería contabilizar con exactitude, por poñer un exemplo, todas e cada unha das cancións que pincha o dono dunha cafetería tódolos días do ano, e establecer un pago pola “difusión” que debe abonar o negocio por empregar esa música para “ambientación do local “. Como isto é absurdo intentalo, teñen a ben facer as contas por metros cadrados do local, así non hai tanto problema. Ben. Xa non contabilizaron as músicas que pincharon con licenzas “copyleft”, http://www.achaten-suisse.com/ e menos o tempo de silencio. Digamos que é unha “estimación”. Tarifas de tanto alzado, creo que é. A maldita televisión tamén emite “obras artísticas” con copyrigth, así que vense na obriga de facer tamén a contabilidade absurda da ambientación malditotelevisiva. Non contan e emisión de “novas”, “eventos deportivos” nin “touros”. Tampouco debera contar cando está apagada, pero témome que o simple feito de ter o aparello, é suficiente.

Cando mercas un libro con licenza copyright, parte dos cartos son para as asociacións de xestión de dereitos de propiedade intelectual (hai que dicilo ben). As bibliotecas públicas, mercan moitos libros para manter unha laboura social imprescindible como é o aceso público á lectura (entre outras cousas) e pagan os dereitos de autor coma todos. Sen embargo nestes días propúxose cobrar un novo canon sobre o servizo público de empréstito de libros. As promotoras da nova contabilidade absurda son a SG4E e C3DR0. Quedarían escusadas de tanto traballo, e poderían cobrala directamente das partidas presupostarias da administración pública destinadas ás bibliotecas.

Que unha asociación sen ánimo de lucro adíquese a este tipo de fenómenos é un pesadelo. Segundo “a parte contratante da primeira parte”, a gratuidade do servizo público de empréstito de libros nas bibliotecas atenta contra os dereitos de autor. Isto é unha cuestión legal, e terá que resolvelo un xuíz. Eu non digo ren ;! Eu procuro mirar detrás desta “cousificación” do arte. Da literatura, da música, ou de calquera outro. A cultura non son os obxectos nas que a difundimos. Nin o medio. Para a facilitación da xestión de dereitos de propiedade intelectual, impóñense tasas a distintos aparellos e soportes como DVD, discos duros, impresoras, escáners… Tamén pola emisión pública de video, audio e todo o que se mova. E para difundir toda esa cultura ós que veñen e ós que xa estamos, vémonos oprimidos a pagar un rescate polas cancións secuestradas, e polos poemas raptados. E os autores afiliados, confinados na sala da espera do consello de finanzas. E algún rei espido que otea dende atalaias en megalíticos castelos. E toda esa literatura. Esta en concreto, con licenza copyleft, non alimenta animaladas como comercializar ou privativizar a cultura.

Na miña opinión, ningunha sociedade debera limitar o aceso ó coñecemento, ó arte, ou á cultura a ningún dos seus membros, polo ben común. Tampouco debera permitir facelo, promovelo, e moito menos financialo. A laboura pública é precisamente a contraria: Difundir. Divulgar. Transmitir cultura.

A sociedade máis moderna, emprega licenzas libres para a difusión de todo tipo de obras artísticas e evita así as actividades mercantilistas máis deshonestas. A porcentaxe a día de hoxe das obras cun ou outro tipo de licenza non importa, pois a súa diferencia é cualitativa. As que foron liberadas xa son parte da nosa cultura sen restricións. Ben por elas. Había que mirar polas outras. Saúde.

libro2

Os comentarios están pechados.

Tema deseñado porDL2 Media

Creative Commons License
Este blogue e o seu contido está baixo licenza Creative Commons